Fecoht Informa

Fecoht Informa

18 diciembre 2010

A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo acolleron sendas manifestacións convocadas por UGT e CCOO



Máis de 24.000 persoas mobilizáronse hoxe nas cidades galegas para “Recuperar dereitos e defender o estado social” e contra o atraso da idade de xubilación aos 67 anos
A cidade olívica acolleu ao redor de 12.000 manifestantes.

Santiago, 18 de decembro de 2010. Nas manifestacións convocadas hoxe polo S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia nas cidades de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo participaron máis de 24.000 persoas que se uniron baixo a demanda de “Recuperar dereitos e defender o estado social e contra o atraso da idade de xubilación aos 67 anos”.

Os secretarios xerais de UGT-Galicia e do S.N. de CCOO de Galicia, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez, respectivamente, e que participaron na manifestación de A Coruña, explicaron que con estas manifestacións ambos sindicatos demandaron reverter a reforma laboral; reforzar os sistemas de protección social; evitar a conxelación das pensións para 2011 e o atraso forzoso da idade de xubilación aos 67 anos; impulsar unha actividade económica xeradora de emprego e favorecedora dun cambio de modelo produtivo, necesario para un crecemento económico sostible; fortalecer a negociación colectiva; e recuperar o acordo dos empregados públicos de setembro de 2009.
Os máximos responsables de UGT e CCOO afirmaron que non van consentir que o Goberno impoña o atraso da xubilación aos 67 anos, pois esa posibilidade nin é necesaria —o actual sistema de pensións é sólido e viable—, nin pode ser unha obriga con carácter xeral. Defenderon, en todo caso, que calquera proposta de modificación do marco actual se faga polas vías habilitadas para ese efecto —fundamentalmente, o Pacto de Toledo e o diálogo social— e que calquera atraso da xubilación máis aló dos 65 anos sexa voluntario —como de feito xa é na actualidade—.
A nivel de Europa, demándase flexibilizar os obxectivos de redución do déficit do Pacto de estabilidade e crecemento; unha reforma fiscal; revisar as políticas transferidas á UE, para incluír o crecemento do emprego entre os obxectivos da política monetaria do BCE; e formular políticas comunitarias en función dos obxectivos da Estratexia europea 2020 (que pretende converter a economía da UE en intelixente, sostible, integradora e con altos niveis de emprego, cohesión social e produtividade).
Ambos secretarios xerais realizaron unha contundente defensa do estado social e denunciaron os constantes recortes económicos e sociais do Goberno español. Lembraron, ademais, que cinco meses despois da entrada en vigor da reforma laboral, quedou demostrado que esta non serviu para crear emprego, senón para reducir a contratación indefinida, incremenar a temporalidade e facilitar o despedimento.
Tamén denunciaron a política de privatizacións anunciada, como a de Aena, que vai supoñer pan para hoxe e fame para mañá. Así como, a retirada da prestación dos 426 euros aos parados que queden sen subsidio de desemprego. É unha medida que condena á exclusión social a 10.000 persoas en Galicia e a 400.000 no Estado. E a isto hai que sumarlle a insistencia do Goberno de continuar con políticas fiscais regresivas que só benefician aos que máis teñen.
Hai outro xeito de loitar contra a crise económica, os sindicatos teñen alternativas, débese facer outra política, loitar contra a débeda e reducir o déficit dun xeito máis equilibrado, apostando pola recuperación do emprego, pola actividade económica, pola preservación dos sectores industiais e produtivos e, sobre todo, apostar pola seña de identidade máis noble da UE e deste país, o estado de benestar, que queren recortar pero que non dubiden que se van atopar co movimento sindical de fronte.



http://www.galicia.ccoo.es/webgalicia/menu.do?Inicio:111605

No hay comentarios:

Publicar un comentario