Fecoht Informa

Fecoht Informa

22 junio 2011

Centos de delegados e delegadas, convocados por UGT e CCOO, concentráronse fronte á Delegación do Goberno na Coruña por un cambio de rumbo da política

Centos de delegados e delegadas, convocados polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e por UGT-Galicia, concentráronse hoxe diante da Delegación do Goberno na Coruña para darlles un «non» rotundo aos recortes e demandar unha Europa social, uns salarios xustos, investimentos e empregos.
Cómpre sinalar que nesta concentración participaron os secretarios xerais de ambos os sindicatos en Galicia, que lle entregaron ao delegado do Goberno unha declaración conxunta para «esixir un cambio de rumbo da política económica europea».Esta concentración enmárcase na campaña de mobilizacións convocada pola Confederación Europea de Sindicatos (CES) coa finalidade de rexeitar as políticas económicas e sociais, impulsadas ou impostas polas institucións da UE, e a esixencia dun radical cambio de rumbo destas no incipiente goberno económico da UE.Así, esta mobilización sindical europea convócase en vésperas do debate en plenario do Parlamento Europeo (22 e 23 de xuño) do Plan de Gobernanza Económica e o Pacto polo euro e do Cumio do Consello Europeo (23 e 24 de xuño).

Neste contexto, onte tivo lugar en Luxemburgo unha euromanifestación na que participaron delegacións de UGT e CCOO. E, en España, ao longo do día de hoxe estanse a celebrar asembleas de delegados e delegadas, manifestacións e concentracións similares á que tivo lugar fronte á Delegación do Goberno na Coruña.CCOO e UGT consideran que tanto o Plan de Gobernanza como o Pacto polo euro son medidas profundamente inxustas porque fan recaer o custo da crise sobre os traballadores e as clases medias, ademais de seren medidas «totalmente erróneas»

porque «fracasaron estrepitosamente» no seu propósito de poñer fin á crise das débedas soberanas de varios países, e, naqueles Estados membros en que se aplicaron con maior rigor, como é o caso de España, o resultado está a ser o mantemento ou a recaída en recesión e o forte incremento do desemprego.A política europea proposta, que ambos os sindicatos rexeitan, ten como principal e único obxectivo reducir déficits e débedas públicas antes da recuperación do crecemento, e pretenden acadalo nun prazo de tempo moi curto, 2013. Todo isto está a producir un aumento da pobreza e da desigualdade social en todos os países europeos: reducir e conxelar salarios e pensións, recortar fortemente os investimentos públicos e as prestacións sociais,

aumentar só os impostos indirectos e reformar a negociación colectiva no sentido de debilitar a súa forza normativa, en particular a dos convenios sectoriais, maximizar a flexibilidade sen seguridade e debilitar a capacidade contractual dos sindicatos.UGT e CCOO tiveron que enfrontarse á negativa influencia da política económica e laboral da UE no diálogo social en España. O ano pasado, co fracaso da negociación sobre o mercado de traballo e os negativos contidos da reforma laboral e, nestes días, cunha reforma da negociación colectiva.

Os dous sindicatos pretenden que a mensaxe dos traballadores europeos aos responsables políticos sexa clara, «cómpre mudar o rumbo da errónea e antisocial política económica europea. O fortalecemento do Goberno europeo pasa por reforzar, e non atacar, o seu modelo social».CCOO e UGT tamén participan na campaña internacional pola implantación dun imposto de transaccións financeiras e a erradicación dos paraísos fiscais. De feito, hoxe estase a celebrar tamén unha xornada mundial de apoio a esta reivindicación.Para UGT e CCOO, gobernar Europa ten que significar traballar por unha Europa máis social e inclusiva para toda a cidadanía, especialmente, para a xuventude.

O goberno económico da UE debe estar orientado ao acceso a postos de traballo estables e de calidade, a promoción xeneralizada da formación para todos, os salarios dignos e unha forte protección social. Deben asegurarse e defenderse o poder adquisitivo, o nivel das pensións e o acceso a uns servizos sociais de calidade.Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario