Fecoht Informa

Fecoht Informa

04 julio 2011

CCOO matiza que, a pesar de que o paro baixou por terceiro mes consecutivo, os datos son peores que hai un ano

A positiva evolución dos datos do paro rexistrado no mes de xuño segue respondendo ás contratacións estivais habituais a estas alturas de ano. Non obstante, máis contratación e máis afiliación non implican maior calidade do emprego, xa que a maior parte do que se que crea é precario. Desde Comisións valórase o dato, pero recórdase que en termos interanuais a evolución do desemprego é moito peor que no último ano e que no resto do Estado. Por iso, ínstase os Gobernos central e galego a tomaren medidas para contribuír a reactivación da actividade económica, ao mantemento é á creación de emprego e para garantir a protección social ás persoas que quedan sen cobertura.

No mes de xuño, o desemprego descendeu en Galicia un 2,69%, o que se traduce en 6.457 persoas paradas menos. O que nos deixa a cifra total de persoas desempregadas en 233.557, un descenso superior en 1,07puntos ao do conxunto do Estado, que foi do 1,62%. Segundo os datos publicados hoxe, o 53,10% das persoas desempregadas son mulleres, 124.029, e 109.528 son homes. Os menores de 25 anos en desemprego suman 20.085, o 8,60% do dotal de desempregados e desempregadas de Galicia; respecto do mes anterior, a porcentaxe de representación deste colectivo no total do paro medrou en 0,02 puntos.

En relación co mes de maio, caeu o paro nas mulleres un 2,93%, máis do que o fixo nos homes, un 2,42%. Na mocidade descende o desemprego nas mozas un 4,73% e o 0,59% nos mozos. O descenso nos maiores de 24 anos é do 2,63% nos homes e do 2,79% nas mulleres.

Análise por sectores e interanual

O paro descendeu este mes en todos os sectores. A maior baixada, relativa e absoluta, foi a do sector dos servizos, un 3,01%, 3.906 persoas paradas menos. En CCOO destacamos tamén os descensos do desemprego na industria nun 2,85%, e na construción, o 2,21%.

Comparando con xuño de 2010, en Galicia hai 13.732 persoas paradas máis, un incremento do 6,25%. Esta porcentaxe supera a media estatal en 2,75 puntos. No último ano, o paro medrou no noso país en 8.545 homes e 5.187 mulleres máis (aumentos do 8,46% e o 4,36% respectivamente). Para as mozas e mozos menores de 25 anos, a variación interanual do desemprego foi un descenso do 7,01%; pola contra, os maiores de 25 anos sufriron un incremento do 7,69% (influído, sobre todo, polo crecemento do 10,57% que se dá na poboación masculina deste segmento de idade).

Análise da contratación

En xuño asináronse en Galicia 61.627 contratos —4.567 máis ca no mes anterior—, unha suba do 8,00% respecto de maio. Do total de contratos asinados, o 7,57% (4.664) foron indefinidos, 1,54 puntos menos que o mes pasado. No conxunto de España este tipo de contratación supuxo o 7,23% da contratación total, 0,34 puntos menos que en Galicia. Formalizáronse, ademais, 56.963 contratos temporais. A contratación indefinida caeu en relación a maio un 10,32%, mentres que a temporal medrou nun 9,84%. As mulleres asinaron o 47,31% do total de contratos e o 42,50% dos indefinidos, e as mozas e mozos asinaron o 20,14% do total e o 14,49% dos indefinidos.

En termos interanuais, formalizáronse 1.176 contratos menos, unha caída do 1,87%. Isto débese ao descenso do 15,78% da contratación indefinida (874 contratos menos) e do 0,53% (302 menos) na temporal. Estes datos son peores que a media estatal, onde cae a contratación indefinida un 3,88% e medra a temporal o 1,56%.

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social medrou en Galicia neste mes de xuño en 874 persoas (un 0,09%) para deixar o total de cotizantes en 989.216. En España deuse un descenso do 0,03%. Por réximes, só medrou o número de cotizantes no xeral (1.194 máis, un 0,17%), e cae un 0,03% nos autónomos, o 0,72% o especial agrario, o especial do mar perde un 0,89% e o especial de empregados de fogar un 0,04%. Pola contra, en termos interanuais rexistráronse 27.321 persoas afiliadas menos (o 2,69%), unha caída superior en 1,57 puntos á do conxunto do Estado, que foi do 1,12%. No réxime especial agrario produciuse un lixeiro incremento da afiliación galega do 3,41% (151 afiliados e afiliadas máis que no mesmo mes do ano anterior).

No hay comentarios:

Publicar un comentario