Fecoht Informa

Fecoht Informa

02 febrero 2012

EPA CUARTO TRIMESTRE 2011

O 2011 foi outro ano perdido para o emprego en Galicia
Os datos da última enquisa de poboación activa (EPA) de 2011 deixan en Galicia un «panorama desolador», en opinión de CCOO, pois perdéronse no último ano 20.200 empregos, o desemprego incrementouse en 36.900 persoas e hai 71.800 fogares con todos os seus membros activos en paro.
A EPA do cuarto trimestre do ano deixa en Galicia a destrución de 14.100 empregos no último trimestre. Esta perda afecta máis a homes (unha caída do 3,21%) que a mulleres (descende só un 0,16%); ademais son eles os que suman 122.600 desempregados no trimestre (o 51%), fronte ás 117.800 mulleres sen emprego. En comparación co mesmo trimestre de 2010, o número de persoas ocupadas baixou en 20.200, un 1,85%.

A taxa de desemprego sitúase neste trimestre no 18,31% (13.900 persoas máis sen traballo), 1,07 puntos máis que o anterior e 2,62 puntos máis respecto do último trimestre do ano anterior —36.900 persoas desempregadas máis—. As mulleres desempregadas son 16.300 máis que hai un ano e os homes 20.600 máis. A taxa de paro feminina deste trimestre elévase ata o 19,10% , e a masculina ata o 17,60%.
Por sectores de actividade, e en comparación co anterior trimestre, destrúese emprego en todos eles agás nos servizos, que suma 2.000 persoas empregadas máis. A destrución de emprego entre este trimestre e o anterior é a seguinte: na agricultura 5.600 persoas menos, a industria perde 6.700 empregos e na construción temos 3.800 ocupados menos (a maior caída da ocupación cun 14,88%). Con respecto ao mesmo trimestre de 2010, esta perda de ocupación en Galicia resulta moito máis acusada, xa que o número de persoas descende en tres dos catro grandes sectores de actividade. Na agricultura redúcese o número de persoas ocupadas en 7.000, na construción en 15.100 e nos servizos hai 3.600 postos de traballo menos. Pola contra, o sector industrial incrementa a súa ocupación en 5.500 novas persoas, unha porcentaxe do 3,29%.

Os datos da contratación recollidos na EPA tampouco son positivos durante o último trimestre de 2011. Nos últimos tres meses diminuíu o número de persoas asalariadas en 12.600 (o 1,48%), un dato peor se a comparación a facemos co mesmo trimestre do pasado ano, pois nese caso a diminución é dun 1,09% (en termos totais, son 9.300 persoas asalariadas menos). Só no emprego indefinido atopamos a única boa nova, un incremento do 0,22% no último trimestre (1.400 asalariados e asalariadas máis con contratos indefinidos este trimestre); pero se comparamos co cuarto trimestre do 2010 hai 2.400 menos. O número de contratos temporais descendeu nun 6,38% (14.100 menos), mentres que en termos interanuais, as persoas asalariadas cun contrato temporal en Galicia son 7.000 menos (unha redución relativa do 3,27%).

Valoración de CCOO

Segundo Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, os datos son «terriblemente negativos» e evidencian que Galicia está inmersa nunha grave crise económica e, polo tanto, de emprego». Hoxe máis ca nunca, ponse en evidencia que as duras políticas de axuste do Goberno central e do Goberno da Xunta só serven para contraer a actividade económica, destruír emprego e empobrecer a poboación.

A única política posible non pode ser a de recorte do gasto público porque nos aboca a unha espiral sen saída: menos consumo, menos renda, menos actividade económica, menor recadación de ingresos e… máis axustes. Cómpre outra política económica: unha reforma do sistema financeiro para garantir o crédito, unha reforma fiscal para obter maiores ingresos cos que financiar medidas de reactivación da actividade, favorecer a creación de emprego, mellorar a protección social e recuperar o investimento público.

No hay comentarios:

Publicar un comentario