Fecoht Informa

Fecoht Informa

29 marzo 2012

300.000 personas se manifiestan en Galicia contra la Reforma Laboral

300.000 persoas puxéronlle a guinda a unha xornada de folga seguida por máis do 90% das traballadoras e traballadores de Galicia
29-3-2012.- 300.000 persoas mobilizáronse hoxe con UGT e CCOO en diferentes manifestacións e concentracións polas principais vilas e cidades de Galicia. Para as organizacións sindicais, trátase do colofón a un "día histórico", pois a folga xeral que convocaron as dúas organizacións acadou un seguimento do 90%.
As traballadoras e traballadores galegos percorreron as rúas da Coruña, Ferrol, Santiago, Ribeira, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra, Vigo e Arousa baixo o lema "Queren acabar con todo. Cos dereitos laborais e sociais"



Vigo acolleu o acto central, no que participaron os secretarios xerais de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e do S.N. de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez. Na cidade olívica foron máis de 100.000 as persoas que saíron as rúas convocadas polos dous sindicatos.

Día histórico

Desde CCOO e UGT salientan que se trata dun «día histórico» grazas a unha participación na folga xeral superior ao 90%. A convocatoria tivo un especial seguimento en sectores como recollida de lixo e limpeza viaria, transportes públicos, portos e aeroportos, sector naval, automoción ou comercio e hostalería.

Seguimento nas empresas

Ambos sindicatos destacan que o éxito da folga non é mérito dos sindicatos convocantes, senón dos traballadores e das traballadoras, que fixeron súa a proposta de UGT e CCOO. O traballo sindical realizado, a través dunha ampla campaña informativa e o traballo empresa a empresa, dá un resultado que se reflicte no seguimento xeral da folga e nas principais empresas galegas que se atopan nestes momentos en situación de paro.

Este é o caso de empresas tan significativas como PSA-Vigo, Alúmina Aluminio San Cibrao, Zara Logística, Frinsa do Noroeste, Frigolouro (O Porriño), Alúmina Española, CESPA (na Coruña e Pontevedra), Repsol Petróleo, Navantia (Fene e Ferrol), CIE-Galfor (antiga Forjas de Galicia), Leche Celta, Adolfo Domínguez, Lonza Biologics, Carrocera Castrosua, FCC, Lantero, Pull&Bear Logística, Rodman Polyships ou Televés, entre outras.

Canto a sectores e ramas de actividade, CCOO e UGT salientan o seguimento total da folga por parte dos servizos de recollida do lixo e limpeza viaria, naval, construción e automoción; case do 100% nos transportes públicos, portos e aeroportos; e superiores ao 90% en químicas ou na Compañía de Radio Televisión de Galicia.

Esixencias

Co aval deste "masivo apoio", UGT e CCOO reclaman, polo tanto, a rectificación das políticas antisociais e da reforma laboral do Goberno de Rajoy. A reforma do despedimento único, a que rompe coa negociación colectiva, a da devaluación salarial, a que deixa en mans dos empresarios todos os poderes sobre os traballadores, a da perda dos dereitos laborais adquiridos con moita loita nestes últimos trinta anos….todo isto só deixa unha saída, a da mobilización e conflitividade social.

O apoio masivo da cidadanía reitera o desacordo cunha reforma ineficaz, inútil e moi inxusta cos traballadores. A máis lesiva que se ten coñecido neste país no período democrático. Á reforma en si, ás medidas que contén, hai que engadirlle as formas utilizadas polo Goberno. Primeiro recorreu á imposición da norma e aprobación en Consello de Ministros e posterior convalidación no Congreso. Todo isto sen atender en ningún momento as reiteradas chamadas ao diálogo de UGT e CCOO.

Ademais, esta é unha reforma contra o crecemento económico porque xerará máis paro e reducirá os salarios dos traballadores con emprego. Ambas as cousas suporán un menor consumo das familias, menos ingresos para o Estado, máis dificultades para afrontar o xa anoréxico gasto público, e xa que logo maior perigo para a pervivencia dos servizos e prestacións públicas... nunha espiral suicida.

É unha reforma contra o futuro porque nos aboca a un presente de paro e precariedade, un presente no que deberíamos ter a oportunidade de tecer o noso futuro como persoas e o dos nosos fillos, con máis e mellores servizos públicos e con sistemas de protección social que nos aseguren os recursos para unha vellez digna; un futuro no que podamos crecer como persoas no marco dunha sociedade baseada no entendemento, a xustiza e a solidariedade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario