Fecoht Informa

Fecoht Informa

02 marzo 2012

Datos paro en Galicia Febrero 2012

Febreiro déixanos cun novo máximo de 274.675 parados, mentres que descende un 12,04% a contratación e un 0,21% a afiliación
2-3-2012.- Durante o mes de febreiro, o paro medrou en Galicia en 3.391 persoas (o 1,25%), a menor suba de todas as comunidades en termos porcentuais (descende o desemprego en Estremadura e nas Illas Baleares). Isto sitúa a actual cifra de parados e paradas como a maior de toda a historia, 274.675 persoas. A suba é 1,19 puntos inferior á do conxunto do Estado, que medrou un 2,44%.
O 51,34% das persoas desempregadas son mulleres (141.030 por 133.645 homes), e os mozos e mozas menores de 25 anos en paro suman 23.177 (o 8,44% do total, 0,09 puntos máis ca no mes de xaneiro). En comparación co mes anterior, o paro medrou un 1,11% nas mulleres e algo máis, un 1,39% nos homes. Entre os menores de 25 anos, o desemprego medrou o 2,30% —nas mozas, o 2,71%, nos mozos, o 1,98%—. Nos maiores de 24 anos, o incremento foi do 1,15% —nos homes, un 1,33%, nas mulleres, o 0,99%.

Análise por sectores e interanual
O paro en Galicia aumentou en todos os sectores agás na agricultura. A maior suba en termos absolutos deuse no sector dos servizos, con 2.120 persoas paradas máis, un 1,84% medra no colectivo sen emprego anterior. En España, o desemprego medrou en todos os sectores. Comparando con febreiro de 2011, o resultado é un incremento do desemprego en case todas as ramas de actividade; só descende un 3,02% (894 persoas) no colectivo sen emprego anterior, e sobe especialmente nos servizos en termos absolutos (14.622 persoas), mentres que en relativos faino na construción (18,29%).

Respecto a xaneiro de 2011, o paro aumentou en Galicia en 26.396 persoas, un 10,63% (o noveno maior incremento de España). Esta porcentaxe supera a media estatal en 1,03 puntos. Por sexos, hai 16.998 homes máis en paro e 9.398 mulleres máis, aumentos do 14,57% e o 7,14% respectivamente. Entre as mozas e mozos menores de 25 anos subiu o desemprego un 1,68% con respecto ao ano pasado. E nos maiores de 24 anos o aumento foi dun 11,54%, influído sobre todo polo crecemento do 16,19% que se deu na poboación masculina —nas mulleres, a medra foi do 7,56%.

Análise da contratación
En febreiro asináronse en Galicia 41.754 contratos (5.715 menos ca no mes pasado), o que supón unha caída do 12,04% con respecto a xaneiro. Do total de contratos asinados, o 8,19% (3.421) foron indefinidos, 0,39 puntos máis que no mes anterior. No conxunto de España, este tipo de contratación supuxo o 7,77% da contratación total, 0,43 puntos menos que en Galicia. Formalizáronse, ademais, 38.333 contratos temporais. En relación a xaneiro, a contratación indefinida cae nun 7,59% e a temporal un 12,42%.

En termos interanuais formalizáronse 3.753 contratos menos que en febreiro de 2011, un descenso do 8,26%. A contratación indefinida sofre unha caída do 25,06% (1.144 contratos menos) e a temporal do 6,38% (2.613 menos). Estes datos son similares aos do Estado, onde caeu a contratación indefinida un 21,06% e a temporal o 3,52%.

Afiliación á seguridade social
En Galicia descendeu a afiliación á seguridade social un 0,21%, 2.024 persoas menos. No ámbito estatal, a afiliación caeu un 0,29% (49.710 menos).

Da análise por réximes é salientable o incremento do número de persoas que cotizan no réxime xeral, un 0,12% (851 máis) —aumento debido á inclusión de 5.749 persoas procedentes do réxime de fogar; se non, o descenso sería do 0,71%—; prodúcese unha medra dun 0,03% nos autónomos, un 0,85% no especial do mar, mantense invariable no da minaría e o carbón, mentres que no de empregadas do fogar o descenso é do 11,43%, pero aquí cómpre ter en conta que parte destas baixas pasaron a ingresar no réxime xeral.

En termos interanuais, temos en Galicia un descenso no número de cotizantes do 3,67% (en España a caída é do 2,59%). No réxime xeral o descenso foi do 4,11%, nos autónomos do 1,45%, no do mar do 1,32%, na minaría e o carbón do 71,43% e no especial do fogar do 16,15% —coa mesma advertencia que faciamos para a variación mensual—; o réxime especial agrario sofre un crecemento do 1,21%.

Valoración de CCOO
Os datos do paro rexistrado, da contratación e da afiliación á seguridade social publicados hoxe reflicten, para CCOO, que as políticas de axuste que se están a aplicar provocan redución do servizo público, contraen a actividade económica, destrúen emprego —especialmente despois da reforma laboral aprobada— e empobrecen a cidadanía.

Comisións insiste en que a política de recorte do gasto público non pode ser a única saída da crise, pois «abócanos a unha espiral sen saída, con máis axustes, menos consumo, menos renda, menos actividade económica, menor recadación de ingresos e… máis axustes».

Por isto, o sindicato reclama outra política económica así como unha reforma do sistema financeiro para garantir o crédito, unha reforma fiscal para obter maiores ingresos cos que financiar medidas de reactivación da actividade, favorecer a creación de emprego, mellorar a protección social e recuperar o investimento público.

No hay comentarios:

Publicar un comentario