Fecoht Informa

Fecoht Informa

23 enero 2013

#XCongresoCCOOGalicia 24 y 25 de Enero 2013

O secretario xeral de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión
Sec Xral de CCOO Galicia
O papel das CCOO

Sánchez Aguión
salientou o papel que xogan as Comisións Obreiras en Galicia: grazas á súa afiliación e á representación logradas nas eleccións sindicais é un «referente claro» para a clase traballadora galega, xa que conta con máis de 50.000 persoas afiliadas e case 5.400 delegados e delegadas (practicamente a terceira parte do total de Galicia). Daquela, CCOO é a segunda forza sindical en Galicia (a só un punto da primeira e con catro de vantaxe sobre a terceira) e a primeira no Estado, «o que nos outorga unha gran responsabilidade», especialmente ante o «ataque brutal e visceral» da Xunta e do Goberno do Estado contra os servizos públicos e os dereitos esenciais dos traballadores e das traballadoras.

Balance do mandato

Para o secretario xeral de CCOO, os catro anos do mandato que remata estiveron marcados pola crise económica, intensificada pola «nefasta» xestión dos gobernos central e autonómico. Nos últimos catro anos batéronse todos os récords de desemprego (xa case 300.000 persoas non teñen traballo en Galicia).

Outra característica do período foron os intentos de intentar desprestixiar e descalificar o sindicalismo de clase mediante ataques procedentes da «feroz» dereita política e mediática. «Saben ben que actuamos como dique de contención contras as súas tropelías, contra o seu intento descarado de acabar co público, de trasvasar recursos públicos a mans privadas, de converter en negocio a educación, a sanidade de mudar as políticas e protección social pola esmola e a caridade», denunciou.

Criticou tamén os recortes laborais que dan todo o poder ao empresario (danando as relacións laborais tal como as coñeciamos), denunciou o inicio do desmantelamento do Estado do benestar, e tachou de «deriva autoritaria» a práctica do PP de gobernar «a golpe de decreto» tanto en Galicia como en Madrid.

Sánchez Aguión salientou que como reacción a estas «tropelías», CCOO protagonizou centos de protestas e mobilizacións.

As respostas de CCOO

Segundo explicou o secretario xeral, o 10.º Congreso ten como obxectivos o reforzo da identidade nacional e da autonomía sindical, a intensificación da presenza nos centros de traballo, a dinamización da participación da afiliación na vida do sindicato, o impulso dun novo modelo de crecemento sostible que cree emprego, a defensa da protección social e dos servizos públicos e a loita pola igualdade no emprego, na sociedade e no propio sindicato.

No que atinxe especificamente á crise e ao drama do desemprego, sinalou que «non hai fórmulas máxicas», pero si fixo unha diferenza entre as que son «xustas» e as «inxustas». Precisamente, saír da crise de forma «xusta e equitativa» é o primeiro obxectivo do sindicato, apuntou.

Daquela, cómpre un «cambio radical» tanto nas políticas da Xunta como do Goberno central e da Unión Europea; un xiro para impulsar o crecemento económico, a creación de emprego, a protección ás persoas en dificultades, a mellora da protección social e a recuperación do gasto nos servizos públicos e no investimento produtivo.

Un compromiso que, en opinión do Sindicato Nacional, ten que recoller como mínimo os seguinte eixes de actuación: un plan de impulso da actividade económica, un plan de emprego vinculado tanto ao crecemento como á cobertura de necesidades sociais, un plan industrial de carácter estratéxico e de catro anos, un plan estratéxico de infraestruturas, un plan de ingresos públicos e un plan de incremento do gasto social. Para logralo, CCOO considera necesario un novo modelo tributario máis xusto e progresivo.

Proceso congresual

Coa celebración do Congreso culmina un proceso iniciado hai oito meses coa elaboración do programa de acción, sometido a debate ao conxunto da afiliación desde finais do pasado verán. Neste longo período foron milleiros os afiliados e afiliadas que participaron nas asembleas congresuais de empresa e centro de traballo con máis de 25 persoas afiliadas, así como en asembleas por sectores no resto de casos.

Nestas asembleas elixíronse delegados e delegadas que participaron nos congresos dos sindicatos comarcais de rama, das unións comarcais e das federacións nacionais.

Así as cousas, no Congreso nacional de Galicia participarán 250 delegados e delegadas que representarán as nove estruturas comarcais e 11 federais con que conta o Sindicato Nacional de CCOO. O seu cometido será elixir a dirección que estará á fronte do sindicato os vindeiros catro anos, así como os dezaseis delegados e delegadas que representarán a Galicia no 10.º Congreso da Confederación Sindical de CCOO.

Redes sociais

Traballarase para dar información actualizada sobre o desenvolvemento do Congreso a través das ferramentas de que dispón o sindicato na rede, fundamentalmente a web www.galicia.ccoo.es, o perfil de Twitter @ccoogalicia (onde se utilizará a etiqueta #Xcongresoccoogalicia) e a páxina de Facebook http://www.facebook.com/ccoogalicia/.

No hay comentarios:

Publicar un comentario