Fecoht Informa

Fecoht Informa

28 marzo 2014

3 de Abril #StopRecortes con CCOO e UXT

 
3 de abril: Xornada de concentracións por todo o país
 
Basta xa de recortes!
 
O 3 de abril, UGT e CCOO de Galicia convocan unha xornada de concentracións en todo o país ao abeiro da convocatoria de euromanifestación da CES o 4 de abril, para rexeitar as políticas de austeridade e de recortes e esixir un plan de investimentos que permita reactivar a economía e crear emprego de calidade. Unha advertencia que a cidadanía española lanzará ao Goberno, en primeiro lugar, e ao resto das formacións políticas españolas que acudirán ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio, para lles esixir un cambio de rumbo das políticas europeas e nacionais.

Así non se pode seguir. As políticas de austeridade e de recortes que puxeron en marcha distintos gobernos, da man da chamada troica comunitaria —FMI, BCE e Comisión Europea— non fixeron máis ca incrementar as desigualdades entre uns países e outros, o paro, a pobreza e a exclusión social. Ademais, produciuse un forte retroceso das políticas públicas, nun contexto de progresivo desmantelamento do estado de benestar e de eliminación de dereitos sociais e laborais. Son xa 26,5 millóns de persoas en paro, das cales case 6 millóns son menores de 25 anos.

Vemos con preocupación o posible agravamento da crise se o Acordo de Libre Comercio entre a Unión Europea e os Estados Unidos se leva adiante nos termos en que se está negociando, cos que as multinacionais e a banca mundial terían un poder ilimitado, sen trabas legais de ningún tipo. Este acordo, que aparenta a supresión de aranceis, oculta a eliminación das regulacións que protexen as persoas como traballadoras e consumidoras.

Desde que en maio de 2010 as autoridades comunitarias impulsaron os plans de axuste e cominaron os gobernos da Unión, entre eles o español, a unha redución drástica do déficit e ás reformas estruturais do mercado de traballo, do sistema financeiro e das pensións, asistimos a unha perda continuada de dereitos e prestacións e mais a un aumento escandaloso do desemprego, que en España atangue xa a seis millóns de persoas, das que 280.000 son galegas e, destas, 35.000 son menores de 25 anos. Unhas políticas de control dogmático do déficit que conduciron o país pola senda do paro masivo, a pobreza e a exclusión social.

Nas sucesivas mobilizacións e folgas xerais que se levaron a cabo no noso país, os sindicatos e o Cumio Social esixiron outras políticas económicas e sociais orientadas a reactivar a economía, crear emprego e avanzar cara a outro modelo produtivo.

Mais foi en van ata o momento. O anterior Goberno, que puxo en marcha o primeiro paquete de medidas de axuste, reforma laboral incluída, e especialmente o Goberno de Mariano Rajoy, seguiron ao pé da letra a axenda imposta polas institucións financeiras e os mercados, á custa de sacrificar dereitos e conquistas históricas da poboación asalariada e da cidadanía, e de ceder espazos da democracia á acción de institucións e organismos non democráticos.







Por iso, cando agora nos din que aqueles sacrificios están dando os seus froitos e que haberá que seguir cos recortes, dicimos alto e claro que menten e que non imos permitir que se siga desmantelando o Estado social. Un país que está perdendo transcendentes conquistas sociais e laborais, que ve retroceder ata límites intolerables a calidade da democracia e que conseguiu bater a marca de paro en Europa na mesma medida que baixaba a taxa de actividade e se golpeaban os sistemas públicos de protección social, non pode presumir de logros, senón de todo o contrario. O Goberno debería pedir perdón, sobre todo aos millóns de persoas empurradas á pobreza e a exclusión, e proceder decontado a cambiar o rumbo da súa política económica e fiscal.

Neste sentido, apoiamos a iniciativa da Confederación Europea de Sindicatos de lles demandar con urxencia ás autoridades europeas e aos gobernos nacionais un programa de investimentos en sectores como a enerxía, redes e infraestruturas de transporte e telecomunicacións, a reindustrialización en sectores de futuro, a educación, a formación, I+D+i, servizos públicos de calidade ou rehabilitación de vivenda social… Proponse para isto un obxectivo de investimento anual do 2 % do pib europeo durante dez anos para que Europa volva á senda do crecemento económico sostible e de creación de emprego. Un plan audaz, cuxa posta en marcha permitiría crear once millóns de postos de traballo, así como poñer fin aos recortes no gasto público, aumentar os salarios e reforzar as prestacións e redes de protección social, e moi especialmente para as persoas que máis están a sufrir os efectos da crise.

Esas son as razóns da xornada de concentracións que terá lugar o 3 de abril nas principais cidades do país. Unhas mobilizacións nas que diremos BASTA XA DE RECORTES! e esixiremos un novo rumbo para reactivar a economía, crear emprego e reforzar os sistemas públicos de protección social. 

#StopRecortes
 
#NewPaht4Europe

No hay comentarios:

Publicar un comentario